Os Encontros de embarcacións tradicionais regresan a Ribeira

 

Encontros en Ferrol, 2007

Illados? Non, temos o mar! Iso mesmo poderían responder  galeses, bretóns ou galegos. Nas metrópoles poderían pensar dese xeito, lóxico dado o seu egocentrismo. Pero o mar sempre estivo aí e foi factor de comunicación con culturas próximas, as chamadas celtas, e afastadas, como as mediterráneas que nos visitaron, incluso para mal cando se producían ataques berberiscos.  Hoxe empeza en Ribeira unha celebración do mar e da cultura mariñeira: o XVII Encontro de embarcacións tradicionais, encontros que  se celebran cada dous anos en portos distintos de Galicia e que regresan a Ribeira, onde se iniciara esta festa marítima no ano 1993. Visita imprescindible para ver os máis de cen barcos inscritos.

Teño que lembrar aquí os documentais que fixen con Victorino Lourido como cámara e realizador: “Un mar de velas” centrado nos Encontros celebrados en Ferrol en 2007 e “Paixón polo mar” sobre a presenza de Galicia como invitada de honra no gran espectáculo marítimo mundial que se celebra cada catro anos na localidade de Brest, na Bretaña. Nos documentais, como nos Encontros e nas festas marítimas bretoas, os protagonistas son os barcos e a xente do mar.

Galicia e Bretaña teñen en común moito máis que o mar, pero co mar case sempre presente. Os intercambios culturais son cada vez maiores, as colaboracións e interaccións entre universidades tamén. A presenza de músicos galegos en Lorient e noutras festas bretoas é permanente, pregúntenlle a Milladoiro ou a Luar na Lubre; a presenza dos bretóns en Galicia innegable, Gwendal en Ortigueira, ou noutrora Alan Stivel e moitos máis.

A parte de todo o dito, mencionar aquí ao gran fotógrafo da Rapa das Bestas de Sabucedo, o bretón Claude Le Gall, que este ano tampouco quixo perder o evento, vindo acompañado por Maríe Hélène, cos que compartín lembranzas, libros, viandas e viños galegos. Xa vos contarei. 

Aproveitemos para gozar do mar e da cultura marítima estes días en Ribeira.


Comentarios