A Ilíada e Tiburón, un plan estival

 

Cultura para o verán

Uf, a Ilíada. Que lectura para estes tempos convulsos. Que dramáticos e caprichosos movementos por parte dos deuses, con Hera, Atenea, Hermes ou Hefesto apoiando os arxivos (gregos) e con Apolo, Afrodita, Artemisa e o tolo de Ares apoiando os troianos, con Zeus, o deus supremo, vixiando todo e mirando para aquí ou para acolá, segundo zoara o vento. Resulta curioso que os derrotados (non é ningún spoiler xa que quen le isto non é ignorante), os troianos, foran apoiados polos deuses da música, as artes, a cultura, o amor, a beleza, coa excepción do belixerante Ares. Por moito que se esforzaran os humanos en gañar ou en buscar saídas con menos mortes e sufrimento, con lides entre heroes, Héctor, Ayax, Aquiles... xa se encargaban os deuses de manipular mentes e conciencias. A Ilíada sempre estará aí, aínda que nunca aprendamos.

Se en Semana Santa a película por excelencia é Ben Hur, coa chegada do bo tempo  outra obra mestra do cine, Tiburón, volve ás pantallas e está presente nas plataformas de streaming. Mais alá da aventura dos homes que procuran salvar vidas afastando a xente das mandíbulas do escualo (o ben contra o mal), hai outros planos de visualización como a relación entre a economía real, a que da de comer durante un ano grazas aos beneficios dos meses de verán, e os poderes políticos, léase o alcalde, para quen algúns mortos, que non se deben publicitar, son so danos colaterais que non deben prexudicar de ningún xeito os obxectivos económicos da localidade. 

Homero e Spielberg son tamén para o verán, como moitas outras publicacións de tantos autores e autoras que enchen as librarías cos seus best sellers, cos que podemos pasar unhas horas sen pensar no que nos rodea, nada máis en pescudar quen é o asasino ou a asasina.

Hai mais horas de luz, mais opcións de tempo libre, de contacto coa natureza e de bos propósitos para aproveitalo ao máximo, como as rutas de sendeirismo polos lugares espectaculares que temos en Galicia, visitar e gozar das praias con augas tonificantes, de navegar en embarcacións tradicionais ou de recreo...


Comentarios