A estas alturas do inverno, cando a nosa terra
recuperou a necesaria e estrañada paleta de grises no ceo e na terra, cando non
sabemos por que lle chaman cicloxéneses a estas
borrascas ou temporais de inverno, coma sempre foron coñecidas, cando
vemos que o muro é menos consistente do que pensabamos e que Invernalia é moito
máis vulnerable do que críamos, precisamos algo de cor entre as chuvieiras, non
vaia ser que o inverno, o da morte e destrución, o da fame, o da dor e a
represión, o da guerra, dure tanto como temían os protagonistas da serie Xogo
de tronos.
Cando as guerras e as desgrazas pasan a ser
noticias cuantificadas con datos, convertendo a dor en estatísticas e números,
o terror perde forza no ser humano, acomódase nas nosas mentes como algo que
pode ser superado ou que “non era para tanto”. E aí é onde gañan os ditadores, os
oligarcas especuladores señores da guerra: na división e na crítica interna entre todos nós.
Máis alá de ideoloxías e de partidismos, o que
cumpre é o sentidiño, o sentido común das persoas, dos cidadáns das sociedades
democráticas e a esixencia dun comportamento similar nos que nos representan.
Pensamentos diferentes, diversidade, diálogo, democracia..., deben estar
presentes nos nosos principios.
Por iso, diante do terror: UNIDADE
NON Á GUERRA.
FORA TROPAS RUSAS DE UCRAÍNA.
Comentarios
Publicar un comentario