A peste (NON Á GUERRA)
Hai dous anos, por estas datas, moita xente
aínda pensaba que o do COVID-19 era un mal de chineses e de italianos
despistados. Neses dous países os mortos contábanse por milleiros e os datos so
preocupaban a sanitarios, científicos e inmunólogos. Por estas datas, semana
arriba semana abaixo, comezaban as restricións e a corentena, moi criticada en
España por millóns de persoas e por
varios partidos políticos, da oposición, ata que as mortes e a saturación
hospitalaria fixo que calaran a boca, e non todos.
A última semana empezou un novo conflito
bélico, a invasión de Ucraína polas tropas rusas comandadas polo obsceno
oligarca ditador Vladimir Putin.
Nin a COVID nin a guerra chegaron de onte para
hoxe. Se no caso da COVID houbo
milleiros, diría millóns de persoas que non a viron vir, no caso da guerra, dos
posibles movementos imperialistas de Putin e a súa pretensión de restablecer
como imperio o que antes fora a URSS, semella que tampouco. Pero hai matices:
cando Angela Merkel supeditou o cento por cento do gas e do petróleo de Alemaña
a Rusia houbo quen a criticou polos riscos que podería supoñer. Aquelas poucas
voces tiñan razón: foi marchar Merkel e Putin lanzar o primeiro ataque (segundo
despois de anexionarse CrimeA, que pertencía a Ucraína) expansionista sen
contemplacións.
As restricións da Unión Europea serían hoxe
maiores se Alemaña non dependese do gas e do petróleo rusos, e moitos outros países
da Unión non dependesen noutras importantes porcentaxes. Tempo tiveron para
verlle as orellas o lobo.
Polo demais, falando de Europa, a esta hora todos
pagamos máis polos combustibles e polos produtos de primeira necesidade; e os ucraínos
buscan refuxio noutros países e os que quedan loitan polo seu. NON Á GUERRA.
Comentarios
Publicar un comentario