Houbo unha vez un xornalista que, interesado polas miñas lecturas, me preguntou que libro estaba lendo. Foi hai tantos anos que non lembro de que libro lle falei, o que si lembro é que se trataba da relectura dalgún clásico, porque a súa resposta a teño gravada no subconsciente con tal forza que se converteu en idea recorrente cada vez que tiña entre mans un libro xa lido anteriormente. O xornalista díxome que non perdera o tempo con relecturas, que había moito libro bo por ler e na vida non había suficientes horas para todo. Seica, a pesares da recorrencia, non lle debo facer moto caso á recomendación xa que é raro o ano no que non recunco nalgunha historia xa lida, nalgún poema xa soñado.
O caso é que este inverno non está sendo diferente a outros, por iso volvín a percorrer as rúas de Ourense da man dos personaxes de A Esmorga, a magnífica novela do gran Eduardo Blanco Amor, indo de troula en troula, de continua esmorga, camiñando sempre polo fío da navalla. Evocando unha terra querida como é Celanova, sentín a forza das palabras empregadas como denuncia social, como espoleta de conciencias fronte á inxustiza, que Celso Emilio Ferreiro soubo escribir con mestría e enorme calidade literaria na Longa noite de pedra.
Pero o mar sempre me recupera para as ribeiras, e si son da ría de Arousa con moita más forza. Co que non quedaba outra que volver a ler “De catro a catro”, libro no que o poeta das vangardas galegas, Manuel Antonio, evoca con tanta forza a súa paixón polo mar. Por certo, estes días cúmprense 80 anos do pasamento do poeta rianxeiro polo que é lembrado en moitos foros, sen embargo, recomendo o artigo publicado no xornal El País por Suso de Toro. http://www.elpais.com/articulo/Galicia/lenda/Manoel/Antonio/Perez/Sanchez/elpepiautgal/
E este escritor contemporáneo foi o que me levou, outra vez, polas pequenas historias que conforman un gran libro “Polaroid”.
En fin! Cada un ten as súas querenzas. Se somos quen de ver repetidas veces a mesma película, non vexo problema en facer o mesmo cos libros que consideramos importantes.
Comentarios
Publicar un comentario