A avaría está fora!

 


Cando había un problema eléctrico nunha casa, o normal era chamar o electricista quen, unha vez analizado o sistema da vivenda e localizado o problema, procedía á reparación (que si o termóstato, que si un contacto da lavadora...), pero cando non aparecía o problema, a frase lapidaria era sempre a mesma: a avaría está fora (un problema da empresa subministradora). A gracia aparece cando un parado contratado como electricista nun barco da mercante, ignorante na materia pero listo, afirmou ao rematar a inspección do barco que a avaría estaba fora.

Occidente ten unha avaría. Inspeccionado o circuíto, o electricista social determinou que os culpables somos todos e cada un de nós, e que a desfeita ven de anos atrás, so que cada día incorporamos un maior abandono do circuíto. Todo empezou cando nos abandonamos hai varias décadas volvéndonos conformistas despois de anos de construción dunha sociedade igualitaria, moderna, democrática e economicamente estable. Deixamos de ir votar crendo que as políticas que permitiron aquela bonanza caían do ceo. E non, o que foi chovendo como un orballo lixeiro foi a desgana, o conformismo, a mala educación dos fillos convertidos en seres amorfos incapaces de enfrontarse a ningún problema, porque calquera cousa lles xeraba ansiedade e había que levalos aos psicólogos... Se acadaron formación universitaria ou profesional, aínda podería haber algo de esperanza, pero se pertencen a esa bolsa de xente non cualificada, que nin estudou (porque non quixo) nin se esforzou en buscar traballo (era suficiente vivir con papá e mamá e que o Estado lles pasara unha pensión non contributiva), o problema pasou a ser serio. Esta avaría social, alimentada polos partidos da ultradereita e polos seus socios, seguros de que os mellores votantes chegan canto máis ignorantes sexan, foi e é a que alimentan os discursos do odio, a xenofobia, o racismo, a violencia e os insultos e acosos permanentes contra as persoas formadas que pensan diferente. Son, esa especie nova de ignorantes violentos, os que acusan os demais (sobre todo se son inmigrantes e máis se son de raza negra ou mouros) de seren os culpables  de todos os males que afectan ao país; noutras palabras, os de fora son os culpables da ignorancia voluntaria dos que lles acusan e sinalan para seren agredidos.

Pero quero traer aquí un exemplo menos socioloxicamente político pero que representa unha avaría seria no circuíto, o exemplo das nais que levan as fillas menores de dez anos a que lles fagan limpezas de cute porque teñen puntos negros na cara (as nenas non se lavaban en todo o día e aplicábanse maquillaxes de bonecas) ou a facerlles depilación porque ían celebrar a comuñón ou calquera outra festa. O curtocircuíto non está nas nenas.

A paisaxe presentábase negra, desoladora, sen esperanza... Onde íamos chegar con estes pais e nais tan avariados, tan vagos e conformistas, tan atentos aos seus móbiles e ás súas series favoritas, tan cheos de razón descoidando os fillos que deixaban en mans de móbiles e tablets, ou se eran pequenos, arredor dun animador nun centro comercial, sen control, mentres elas e eles ían de tendas ou de cafeterías.

O vento zoando e traendo mensaxes de fascismo, de ultradereita, de odio, de violencia, de mentiras pronunciadas sen pestanexar por aspirantes ao goberno, neste caso de España, e todo iso cunhas eleccións á vista o 29 de novembro. Futuro moi negro.

Mais non todo está a ser aire frío, ese que da noxo e conxela os corazóns. Nas últimas semanas, refachos de aires cálidos e confortables fixeron que algúns tiveramos esperanza, que a luz volvera ao fogar, grazas a frear a ultradereita en países como Suecia e Serbia; despois chegaron os resultados de Israel, o Estado xenocida, onde  Netanyahu gañou sen gañar. Lula deu un golpe na mesa gañando en Brasil. Mais foi no país gobernado polo monstro pallaso laranxa onde o vento se converteu en tsunami dándolle maioría aos rivais de Donald Trump. Ollo, faltan as elección do 29 de novembro, pero os ventos que chegan de fora traen esperanza. Temos que estar atentos e participar activamente para que esa onda positiva tamén nos toque, para frear aos de dentro que pensan que a avaría está fora.


Comentarios