Fuxindo do mundanal ruído

 

Fuxida a O Castro de Caldelas

Viaxar deixou de ser algo que se facía ocupando unha parte das vacacións e pasou a ser  algo masivo, democrático, ao alcance de practicamente todos os cidadáns do primeiro mundo de e de bastantes de segundo. A democratización chegou da man das empresas de turismo low cost, de baixos prezos. Foron algunhas aeroliñas británicas as primeiras en ofertar prezos escandalosamente baixos en Europa comparados cos das empresas “bandeira” de cada pais: Iberia, KLM, Air France, British Airways ou a American Airlines.

Con aquela oportunidade  xurdida en Europa nos anos noventa do século pasado, viaxar estivo ao alcance de todos. A continuación apareceron os alugueres de pisos turísticos que permitían vivir nunha vivenda a varias persoas polo prezo dunha habitación dobre de hotel, en moitos casos incluso inferior. Os pisos turísticos son herdeiros do sistema anglosaxón do bed&breakfast, cama e almorzo, de tanto éxito en toda Norte América, e con eles chegou a saturación das cidades turísticas máis coñecidas e destacadas do mundo. E con eles tamén chegou a especulación inmobiliaria e a crise da vivenda en occidente. Resulta imposible alugar, e incluso mercar, un piso en Lisboa, Porto, Barcelona, Madrid, Coruña, Santiago de Compostela, París... e un longo etc. De aí ven a tremenda crise da vivenda que impide aos máis novos ter acceso a ela, que é un dereito constitucional, algo que tamén provocou e provoca cada día a expulsión de cidadáns dos seus barrios acosados polos fondos voitres e polos especuladores do terreo.

Visto o panorama, e acaendo sempre un libro, que pensaría Frei Luís de León se levantara a cabeza vendo esta situación, e vendo as consecuencias, cando escribía aqueles versos da “Oda a la vida retirada” nos que dicía:

¡Qué descansada vida

La del que huye del mundanal ruído

Y sigue la escondida

Senda, por donde han ido

Los pocos sabios que en el mundo han sido!

 

Pois as estatísticas indican que a xeración dos milenials e a xeración Z, os nados entre 1980 e 2012, empezan a fuxir desas conglomeracións de guiris buscando eses lugares nos que aínda se respira sen contaminación e, sobre todo, tranquilidade. Buscan pequenos paraísos por descubrir e que, supoñen, lles van aportar pasear polas rúas de centros históricos e monumentais máis pequenos, sen problemas de saturación, gozar das comidas tradicionais de cada zona, coñecer mellor a idiosincrasia de cidades pequenas, esas ás que os anglosaxóns denominan towns, menores de cen mil habitantes.

Pensemos neses paraísos próximos, os nosos, os galegos, que ben merecen a viaxe, unha fin de semana longa, unha escapada. Pensemos en cidades que entran nos parámetros dos que falamos, como Pontevedra, Ourense ou Lugo; pensemos en vilas con tanta historia e patrimonio como Monforte de Lemos, Viveiro, Ferrol e a súa contorna, Tui, Ribadavia, Allariz, Verín ou O Castro de Caldelas... Lugares con tanto que ver, con tanto que admirar, nos que gozar da xente e das actividades que os de cada lugar se esforzan por organizar para incrementar os atractivos dos propios veciños e dos que cheguen de fora.

Tanto estas localidades como outras non mencionadas, son para visitar en datas propias de festexos e feiras importantes, lembro as San Lucas de Mondoñedo celebradas hai poucas xornadas, e penso no magosto de O Castro de Caldelas que vai ter lugar o vindeiro día 7 de novembro, como en calquera época do ano. Iniciativas que enchen de vida cidades e vilas con actividades moi atractivas para seren visitadas.

A decisión destas xeracións con etiqueta, quizais veña en parte forzada pola saturación dos outros destinos e pola carestía do suposto low cost que xa deixou de ser barato, pero tamén por eses valores baseados en vivir experiencias diferentes, en crer na diversidade e no activismo climático, en seren creativos e buscadores de pequenos paraísos.


Comentarios