Turismo

 

Escapada a Ézaro


Estamos en xullo e a metade da xente traballadora xa está de vacacións. Moitos deles convertidos en turistas, desprazados a outros lugares, incluso a aqueles que hai décadas chamábamos lugares exóticos. Entre os turistas deste tempo atopamos dúas especies: os de selfie que van onde creen que ninguén estivo antes que eles e o publican en redes sociais, e os que non teñen ningunha presa, porque as vacacións empezan cando se preparan as maletas e comeza a viaxe; turistas, estes últimos que buscan integrarse, coñecer xente, tradicións, historia e cultura, tamén gastronómica, son os que elixen un destino por algúns dos motivos antes mencionados. A parte están os veraneantes, os que teñen casa ou alugan casa ano tras ano no mesmo lugar, maioritariamente con praia, e que durante as vacacións mercan nos comercios locais, visitan bares e restaurantes xa coñecidos de anos anteriores e son saudados e benvidos polos veciños cos que tamén interactúan.

O dos selfies, o dos «influencers» creadores de contidos que non aportan nada máis que titulares que lles proporciona a Intelixencia Artificial, é un turismo que tamén deixa cartos nos lugares visitados, e que xera máis turismo, normalmente de masas, do mesmo tipo de...  foto aquí e foto alá, so porque lles dixeron que iso que aparece detrás das súas caras ten algún tipo de importancia. Ata que punto se lle poden poñer cancelas ao campo?

O turismo dos outros, dos que se senten viaxeiros, dos que van ver un monumento, dos que de paso se van bañar nunha praia, van comer e cear comida autóctona, entran nun museo, coñecen a historia do lugar que visitan, incluso hai quen leva un libro dun autor orixinario do lugar ao que van, ese turismo tamén deixa impacto, positivo e negativo, a pesar de non ser tan maioritario, pero vai cadrar cos outros e todos van sumar impacto económico, ambiental, de deterioro da identidade  e globalizador. Por poñer un exemplo: na miña última visita a París decidín quedar unicamente no barrio de Montmartre, o historicamente barrio bohemio no que viviron grandes artistas, pintores, escritores e músicos, que eran mantidos pola burguesía rica que vivía abaixo do outeiro. O barrio vermello, de cabarés, música en vivo, casas de comidas e bares, perdurou ata hoxe, igual que as visitas ao templo do Sacré-Coerur, pasmar sentados nas esqueiras que o preceden ou no miradoiro que ten o resto de París tendido aos seus pes. Mais, atopar nas tendas para turistas dese barrio postais e carteis de San Francisco, de Sevilla, etc., ou figuras de bailarinas de flamenco xunto as de pintores retratistas do propio barrio, dos de antes, que os de agora non acertan contigo nin equivocándose, son significativas mostras desa globalización, do deterioro que causa o turismo en xeral, da parte negativa de cando cada un de nós viaxa.

Pero é que dende hai uns anos, viaxar resultaba moito máis barato, grazas sobre todo ás compañías aéreas de baixo custo. Mais iso tamén está cambiando por mor desa masificación e do algoritmo mental e tecnolóxico que nos fai pensar que barato é sinónimo de pagar pouco, en transporte, en aloxamentos sexan casas habilitadas para turistas ou hoteis, mais o conto cambiou. Dende agora, as compañías aéreas de baixo custo van poder cobrar por equipaxe de cabina, ese equipaxe que levan os que van de fin de semana ou os que se desprazan por motivos profesionais dous ou tres días. Co que, se empezamos a sumar, billete, maleta de cabina, maleta facturada, elección de asento, prioridade... non será mellor viaxar nunha compañía das outras para ir máis cómodo. Quizais estas medidas freen o turismo de masas? Quizais os prezos desorbitados das casas e pisos turísticos, que empezaron como alternativa barata dos hoteis, sexan outro freo?

O turismo sostible semella cada vez máis unha quimera. Algúns auto enganámonos cando viaxamos pensando que os bos somos nós, pero sempre xeramos impacto, positivo e negativo. Non sei cal vai ser a viabilidade do sector coa carestía dos voos e do aloxamento. En Venecia, outro exemplo, falan de cobrar 50€ por turista que queira entrar na cidade. En fin, quizais haxa que tomar medidas drásticas onde sexa necesario preservar o patrimonio.


Comentarios