Unha de romanos

 

Togado no Portico do Foro de Emérita Augusta

Miramos para outro lado mentres dous países “abusóns” están cometendo un xenocidio, unha limpeza étnica para construír un resort no que so é o principio do “Gran Israelsionista, unha versión da “Gran América” da doutrina Monroe que o señor laranxa pretende tamén poñer en marcha. Miramos de esguello mentres os dous países “abusóns” atacan Irán, secuestran o presidente de Venezuela, ameazan a Cuba... Cando vexas os teus veciños a barba cortar, pon a túa a remollo.

Entrementres, maniféstase a estupidez humana.

Un Borbón pide desculpas coa boca pequena polos posibles abusos de hai cincocentos anos canda a conquista de México, lembremos que todo empezou cun tipo chamado Hernán Cortés acompañado por corenta homes, si corenta, non corenta mil, que acabou co imperio Azteca. Entre tanto, hoxe en día, a clase media mexicana, e de aí para arriba, teñen traballando ao seu servizo nas súas vivendas e fincas, cociñeiras, limpadoras, xardineiros, cultivadores... poñamos arredor de dez ou doce persoas, nativas, cobrando entre todos menos do que cobraría un branco cun salario mediocre, sen seguro, sen contrato, sen seguridade social, podendo ser despedidos por capricho... Son eses brancos, criollos, os que esixen que España pida perdón polos abusos de cando a conquista de México, que fixeron os seus tataravós.

Na miña segunda visita, das varias que fixen a ese tan espectacular como insán, perigoso e violento país no que a propia policía está conchabada cos delincuentes para timar os forasteiros, cando unha persoa branca, mexicana, me dixo que os españois tiñan que devolver o roubado a México, a miña resposta foi que ningún antepasado meu estivera en ningunha conquista de América, que mirara para atrás na súa árbore xenealóxica, que aí seguro ía haber conquistadores. Os seus apelidos delatan a eses netos e bisnetos de conquistadores que hoxe explotan ao auténtico pobo mexicano, o que xa estaba alí antes da chegada de Cortés e os seus corenta ladróns.   

Mentres, agardo que os italianos pidan perdón polos abusos dos romanos cando conquistaron Hispania, e que devolvan o ouro que levaron de Galiza e O Bierzo.


Comentarios