Perversión

 


Imaxino un acto académico en calquera universidade, no que unha figura relevante de calquera póla da ciencia, cunha dimensión pública enorme, tanto que é recoñecido a nivel mundial polos medios de comunicación. Imaxino o acto, que conta co patrocinio de determinadas empresas de moito calado, rodeado de catedráticas e doutores, de doutorandos, alumnos, lectores e seguidores en xeral. Imaxino os medios de comunicación facéndose oco para cubrir mellor o acto, imaxino os académicos que non puideron entrar por falta de espazo. Imaxino influencers, con formación básica e cultura menos que iso, ocupando cadeiras privilexiadas no evento so por teren un millón ou mais de seguidores e amasar milleiros de likes por cada foto ou vídeo que publican. Imaxino que a prensa lles pregunta que lles pareceu a conferencia de fulanito. Wow! Fulanito é xenial! E non preguntes mais, porque esa influencer é experta en beauty,lifestyle,fashion & travel, todo iso con so 19 anos de idade. Hai xente que en toda unha vida de investigación non se considera experta en nada.

Isto que acabo de contar, non me estrañaría que xa estivera pasando. No cine pasa, no mundo dos libros tamén. Como convidado a moitos premios literarios organizados por distintas editoriais en diferentes cidades, teño compartido cea con escritores, xornalistas, políticos e con empresarios do tipo “o rei das salchichas en nata”, o propietario dunha nova cadea de tendas de roupa casual, a modelo de moda... Agora, nos últimos anos, tamén hai influencers con varios millóns de seguidores, incluso algúns que fan apoloxía da súa ignorancia.

Iso é o que leva pasando no mundo do cine, non so do español. Na gala dos Premios Goya, houbo influencers que desfilaron pola alfombra vermella sen pudor, como superestrelas do celuloide, sen coñecer ningunha das películas candidatas nin as premiadas, hai que ter en conta que non teñen tempo para ir ao cine entre tanto lifestyle, beauty, fashion & travel, pensen que ademais teñen que maquillarse e peitearse para tanto vídeo.

O colmo, no Festival de Cine de Málaga, cunha influencer que non sabía articular unha frase, nin entendía por que lle preguntaban por películas ou polo cine en xeral.

Hai poucos días, o actor estadounidense Ethan Hawke criticaba o feito de que as grandes produtoras de Hollywood contrataran actores e actrices baseándose nos seguidores que aqueles tiñan nas redes sociais, antepoñendo likes a talento e calidade interpretativa.

Os ignorantes, incluso os ignorantes voluntarios, teñen dereito ás mesmas cousas que os que non son tan ignorantes. Incluso teñen dereito a ser ignorantes e a demostrar a súa enorme ignorancia. Meus probes! A nós non nos debería cabrear a súa ignorancia, o que si que nos debe cabrear é non facer o suficiente para evitar o contaxio, porque a ignorancia é contaxiosa, teñamos en conta que ser vagos non custa nada e o saber require esforzo.


Comentarios