Extraterrestres, habelos hainos? (1)

Foto do firmamento na noite do 28 de febreiro de 2026 ás 21:43 @pemónbouzas
 

Barak Obama, ex-presidente dos Estados Unidos de América, afirmou nunha entrevista  hai poucos días que el cría nos extraterrestres, que non había ningún na área 51 pero que cría neles. A Área 51 é un espazo militar da Forza Aérea dos EEUU situada no sur do estado de Nevada, non moi lonxe da cidade de Las Vegas. Esta Área está rodeada de misterios relacionados coa presenza alí de restos de naves e de seres extraterrestres, algo alimentado polo cine, a literatura de ciencia ficción e os cómics e, por suposto, polos cazadores de OVNIS de todo o mundo.

Que diga iso Barak Obama, ten o seu aquel. Non é un calquera. El cre nos extraterrestres. O 90 % da poboación mundial cree nalgún deus supremo. Un e outros son crenzas, cuestión de fe. Eu teño visto cousas estrañas no ceo en varias ocasións e sempre en presenza doutras persoas, de día e de noite. Cousas estrañas, Stranger Things, que daban que pensar. Mais son moi pragmático e, polo tanto, fíome da ciencia, dos astrónomos, das astrofísicas, dos homes e mulleres que dedican as súas vidas a explorar o universo, a entender a súa orixe, composición, posibilidades de existencia de vida  e evolución. Cos que teño falado, co que teño lido sobre o tema, nada saben. Mais iso non nega ningunha outra posibilidade.

Estes días, mellor debería dicir estas noites, nas que resulta doado ver aliñados seis planetas, canda menos catro con facilidade nos nosos ceos, son millóns as persoas  curiosas que levanta a vista cara o firmamento para ver un fenómeno que se repite cada vinte anos. Quizais haxa alguén que vexa OVNIS e extraterrestres, quizais. O máis probable é que non.

Mais hai que ter en conta que os OVNIS soen cadrar cando hai algún conflito bélico no que as cousas non están moi claras. E hai que entreter á opinión pública co conto de sempre. Ao remate da II Guerra Mundial e co comezo da Guerra Fría. Durante as guerras de Corea e de Vietnam, durante a primeira Guerra do Golfo... Se Hollywood non da feito, xa se encargará a prensa de difundir esas noticias.



Comentarios