O Samaín, ventureiro ano novo celta.

 

Samaín

A tradición celta  sitúa o fin de ano no 31 de outubro baseándose no que, supostamente, era un ano natural que remataba cando todas as colleitas estaban xa na casa, a última a de castañas. O día 1 de novembro do noso calendario, celebración católica de Todos os Santos, representaba para os celtas o Aninovo. Todas as tradicións van sufrindo pequenas evolucións co paso dos séculos, con isto quero dicir que Samaín son varios días de celebración, ao igual que Defuntos, que os magostos, que  a apertura da pita para probar o viño novo.

Para moita xente, Samaín quere representar unha alternativa ancestral ao Halloween que, dende os Estado Unidos de América, chegou a Europa como novidade e como festa comercial desvirtuado, como todo, polo cinema hollywodense. O Halloween é unha adulteración do Samaín ou Samhain, palabra de raíz gaélica que define o final do verán e o comezo do inverno.  A celebración orixinal foi levada aos EEUU polos emigrantes irlandeses e con ela, algúns rituais que a debullan.

O Trick or treat (doce ou trasnada), era a petición de rapaces e mozos polas portas das casas co fin de obter castañas ou algún doce para facer o magosto. A presenza do lume quedou limitada ao tizón que se metía nalgúns tubérculos  aos que se lles extraía o interior e se lle abrían ollos, nariz e boca, buratos polos que saía a luz , iluminando como un facho con cara; os tubérculos máis usados eran os nabos e as cabazas. Pero o lume tiña moita máis presenza en tempos pasados, xa que se facían luminarias ou cacharelas nas portas das casas, nas prazas  e outros lugares comúns coa intención de quentar a noite como preparación para o inverno. O lume das fogueiras e do fogar, dentro das casas, permanecía aceso toda a noite pois a tradición conta que, nestas xornadas, os mortos regresaban para convivir cos vivos nos espazos que antes ocuparan eles.  O Samaín ou Samhain, ou celebración de Todos os Santos (All Hallow’s even) derivou en Halloween, e aquí está, convivindo co Samaín. Ventureiro Ano Novo celta!!!


Comentarios