Tonnerres de Brest!!!

 
O Capitán Haddock


O simpático capitán Haddock berraba ese exabrupto cando algo o alteraba e poñía dos nervios a Tintin  (expresión foi traducida ao galego como “Trebóns bretóns!!” e ao castelán como “¡Rayos y centellas!”). Dalgún xeito, o borrachón do capitán Haddock dende a súa aparición nas historietas de Tintín converteuse nun personaxe querido que alimentaba, quizais máis ca o controvertido protagonista, o espírito aventureiro nos lectores, sobre todo nese primeiro plano de lectura, o máis doado, o da aventura en si mesma, lonxe do indiscutible colaboracionismo de Hergé, o seu creador, cos ocupantes nazis do seu país, Bélxica, cuestión moi acaída nestes días.

Pero onde está a aventura nestes convulsos días? A aventura está nos pequenos e grandes proxectos a realizar, ponderando a amizade como primeiro elemento e a propia viaxe como aventura. Un par de exemplos, máis alá das fronteiras da nosa Galicia, Estremadura en inverno ou Bordeos en verán. Probablemente a maioría pensen neses destinos como pouco atractivos, fora do mapa do turismo de masas e dos influencers (perdón, creadores de contidos); pero cando un pasea polas rúas da zona monumental de Cáceres, pola Mérida romana, por Trujillo ou por Badaxoz, un comprende a beleza dos lugares visitados e o peso da arte e da historia. Bordeos, teñen viños, non si? Claro que ten viños, dos mellores do mundo; mais, que pensarían se lles digo que un día calquera do verán pode haber 20.000 persoas paseando so pola rúa Sainte Catherine? Hai moito por descubrir, so hai que ter imaxinación, ganas, bos compañeiros de viaxe e moito entusiasmo, e elixir tamén lugares que semellan fora do mapa.

Pensaron, vostedes, lectores, en seguir as andainas do capitán Nemo, en facer a viaxe de Odiseo, en visitar a cidade de Saint-Malo e a vila de Combourg tan vencelladas a Chateaubriand, pensaron en facer as rutas portuguesas descritas por Saramago? Mentres, sempre nos quedan as outras viaxes, as de Camoens, Cervantes, Chaucer, Mary Shelley, Austen, Pardo Bazán ou Gabriela Mistral. A lista sería inmensa, afortunadamente.


Comentarios