O meu taxi. Porto de Nanimo, BC. Canadá |
Ás veces, viaxo sabendo pouco dos lugares
que visito para descubrir in situ o máis atractivo para min, historia,
arte, tradición, cultura... Nanaimo foi o caso a primeira vez que a visitei. O
primeiro que aprendín foi que é unha das portas de entrada á illa de
Vancouver, illa na que se atopa a cidade de Victoria, capital de toda a
provincia da Columbia Británica do Canadá.
Para chegar a Nanaimo crucei o estreito de
Georgia nun transbordador que partira do continente, de Horseshoe Bay, na cidade de Vancouver.
Durante a hora e media de percorrido, puiden ver pola proa varias illas cos seguintes nomes:
Galiano, Valdés e Gabriola, todos eles postos polos mariños españois cando
foran os primeiros occidentais en navegar por aquelas augas do océano Pacífico,
daquela aínda chamado Mar do Sur. Máis ao norte hai outras illas con nomes como
Texada, Cortés, Redonda ou Quadra.
En Nanaimo, nada máis pisar terra,
chamoume a atención unha sesión vermú na que actuaba un grupo de rock con
músicos veteranos. Mais o mar abre o apetito, por iso busquei un restaurante
con terraza, mirando cara o porto onde estaban tocando os músicos, e pedín unha
sopa de marisco e halibut á grella con vexetais e patacas, todo acompañado dun
viño de Chile, que ofertan moito en todo o Canadá.
Ao día seguinte, sería tempo de
sobrevoar a costa leste da illa de
Vancouver, ata Port Hardy. En Nanaimo tiven tempo de visitar o Museo da cidade
onde descobres dunha sentada a historia da localidade, dende as Primeiras
Nacións, anteriores á chegada do home branco, ata a eclosión mineira e a enorme
presenza chinesa e oriental como man de obra. O que sí sabía era que a illa de
Vancouver chamábase antes illa de Quadra e Vancouver. De feito, moitos nativos
das Primeiras Nacións prefiren o nome do mariño español antes ca o do inglés, máis
iso é outra historia.
Comentarios
Publicar un comentario