Tantos móbiles como persoas no festival |
Cantos euros pagamos pola entrada dun concerto
ou festival? 50€, 60€,100€? E que fixemos no festival, ver e escoitar os artistas
polos que pagamos a entrada? Ou pagamos unha entrada para seguir o concerto
pendentes das imaxes do noso móbil ou tablet? Podo entender que moitos
artistas alimenten o emprego dos móbiles nos seus concertos porque quizais
vivan máis de imaxes e redes sociais que da súa música en directo, ou porque os
seus seguidores son voraces consumidores de contidos das redes sociais. Podo
entender que haxa cada vez máis artistas que pidan aos asistentes aos seus
concertos que fagan o favor de prescindir dos móbiles e que gocen do que lles
están a ofrecer dende o escenario. Facer un par de fotos como lembranza da
presenza no concerto, ou mesmo gravar uns segundos dun tema emblemático polo
mesmo motivo, podería abondar. Do mesmo xeito que hai grandes artistas
femininas que non precisan poñerse en bikini para actuar, nin sexualizar a súa
presenza nos escenarios para encher estadios e salas de concerto.
Cada quen que faga o que considere máis
oportuno, vivimos (de momento) nun país libre. E a min non me molestan.
Outra historia son os programadores dos
festivais, exceptuando os dedicados a un estilo de música determinado. Pero se
quen pecha un día de actuacións é, por exemplo, JLo ou Marc Anthony, non pos inmediatamente
antes artistas de heavy metal, nin de música folk, nin cantautores, porás
artistas que manteñan esa liña musical comercial. Milleiros de persoas foron
ver a Maná no Gozo fest. Un grupo de pop riquiño, con boas letras de amor e
desamor, concienciados con Palestina e co sufrimento que provoca Trump aos seus
paisanos mexicanos e “latinos” nos EEUU. Pero programar antes a The Darkness e
Imelda May, extraordinarios artistas, non pega nin con cola. Os propios de Maná
fixeron unha homenaxe a Camarón de la Isla e os seus seguidores nin sabían de
quen falaban. Churras con merinas. Sentidiño.
Comentarios
Publicar un comentario