O centro da cidade pode facer feliz. Iso é o que suxire a canción.
Era moi neno cando o meu pai entrou na casa cun pequeno maletín máxico. Resultou ser un tocadiscos da marca Conver, fabricado en Granollers, que viña co agasallo dun Long Play de grandes éxitos de aqueles anos, uns en inglés, creo lembrar que tamén había cancións en francés e en castelán; unha delas, era o éxito mundial “Downtown” cantado pola inglesa Petula Clark, no que un tal Jimmy Page, futuro fundador de Led Zeppelin, tocaba unha guitarra case imperceptible.
Se daquela xogaba a ler noticias dos
xornais detrás dun cartón recortado que facía as veces de televisor, aquel
maletín tocadiscos fixo agromar en min poñer música e adorar a radio. Xa o dicía
o sempre lembrado Rudyard Kipling, a infancia volve, cremos que volve, pero
sempre está aí.
Aquel maletín Conver consumiu
electricidade e moitas agullas, de tanto que se desgastaban, sobre todo nos
veráns en Palmeira, co volume a todo trapo xa que non se molestaba os veciños.
Daquela non podía imaxinar que, moitos
anos máis tarde, poría aquelas cancións na emisora de radio na que traballaría
ou que coñecería e falaría con moitos daqueles artistas, como foi o caso da
propia Petula Clark, unha artista grande, respectuosa, elegante e sumamente
profesional; un encanto de muller comigo cando actuou nun dos programas que
presentei na TVG.
Comentarios
Publicar un comentario