Un pouco de amor “I can help” (NON Á INVASIÓN DE UCRAÍNA)
Non me resulta doado facer “vida normal” cando hai guerra, cando un psicópata con delirios invade un país, aniquila un pobo, só porque pode e porque quere demostrar o seu poderío fronte o xuízo das potencias coma EEUU ou a Unión Europea ante a ameaza nuclear que destruiría a civilización e quizais a vida no planeta. Por iso mesmo, fago unha pausa para pensar en todo o contrario: no amor, na familia, nos amigos, na cultura, nas artes e na música, en todos e todo canto forma parte do meu presente e do meu pasado.
“I can help” foi o único grande éxito do músico norteamericano Billy Swan. Lembro que escoitei a canción por primeira vez na radio sendo adolescente, e que me impactou pola sinxeleza da melodía e pola mensaxe nada intrusiva cara a muller que ama o protagonista na vida da muller da que non forma parte, algo pouco habitual daquela, nos anos 70 do século pasado. Eran tempos nos que guerra e terrorismo, eran algo cotiá, Vietnam, Oriente Medio, Turquía invade Chipre, Indonesia invade Timor, Brigadas Rojas, ETA, GRAPO, Banda Baader-Meinhof, IRA, Jemeres Rojos,... contra o que había resposta pacifista e de amor en moitos lugares do mundo.
Hoxe é moi necesario o sentidiño nos
dirixentes dos países europeos e na Casa Branca estadounidense. Seica non se
pode rezar misa e repenicar campás ao tempo, pero é necesario apoiar o país
invadido e frear o invasor. Putin é un tirano tan poderoso coma desconfiado,
con garda de corps, con probadores da inxesta, non o vaian envelenar coma fixo
el cos opositores. Non se fía nin dos seus. Coma Stalin, vaia! Moito tento co tolo.
Sen lle ter estima a Joe Biden, presidente dos
EEUU, imaxinades que estaría a acontecer neste momento se o presidente fose
Donald Trump? Non o quero nin pensar.
Deixo unha ligazón coa canción: https://www.youtube.com/watch?v=2FHfcxOeGSA
PEACE & LOVE. STOP WAR
Comentarios
Publicar un comentario